Uso de cookies

Esta web utiliza "cookies" propias y de terceros para ofrecerle una mejor experiencia y servicio. Al navegar o utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las "cookies". Sin embargo, puedes cambiar la configuración de "cookies" en cualquier momento. Accesibilidad.

EXCAVACIÓN ARQUEOLÓGICA EN El CASTRO DE VILADONGA (CASTRO DE REI - LUGO). CAMPAÑA 2007

INFORME TÉCNICO

A escavación arqueolóxica da campaña do 2007 contemplou a escavación en área en dúas zonas, por cadros de 10x10 m, subdivididos en cuadrantes de 5x5 m conforme á planimetría establecida para o Castro de Viladonga (plano de escavación):

A) Área 1: Superficie situada no sector da entrada: definición dos bastións e acceso exterior.

Neste proxecto, campaña do 2007, o obxectivo neste sector foi ampliar a escavación do 2006 para definir o acceso dende a cota orixinal, a partir do primeiro foxo, para acceder sobre o empedrado orixinal do castro, definindo o acceso exterior, entre os bastións da muralla.

B) Área 2: Sector da croa: definición da continuación do camiño de acceso dende a muralla á croa e completar a escavación da primeira vivenda da croa exhumada na campaña do 2006.

Neste proxecto, campaña do 2007, o obxectivo polo tanto é ampliar a escavación do 2006.

O plan e método de traballo consiste pois en establecer unidades de escavación ou sondaxe que seguen a retícula planimétrica empregada en todo o xacemento, coincidentes cos cadros sinalados máis arriba para cada unha das áreas. Como é habitual no xacemento, e para facilitar o rexistro e o desenvolvemento da escavación, estas unidades subdividíronse en cadros de 5x5 m nomeados do 1 ó 4 seguindo desde o N o sentido das agullas do reloxo.

Metodoloxía da actuación: A actuación foi realizada con medios manuais, retirándose a terra dende a capa superficial seguindo a orientación das diferentes texturas e cores que puideran individualizar unidades estratigráficas, obtendo unha lectura previa da súa disposición e correlación, ao tempo que un recoñecemento do estado de conservación dos restos arqueolóxicos que se detectaron.

O baleirado de terras realizouse aplicando técnicas de documentación estratigráfica tridimensional. Utilizouse o sistema de rexistro baseado no concepto de unidade estratigráfica, diferenciándoas e sinalando as súas características e compoñentes. En cada un dos sectores, as distintas unidades estratigráficas de orixe sedimentario foron descritas baixo o nome de capa e numeradas ordenadamente segundo o momento da súa detección, sendo relacionadas en niveis, que tentan delimitar as diferentes unidades cronolóxicas de formación do subsolo antrópico, diferenciándose, en todo caso, dos horizontes, de orixe natural. As unidades estratigráficas inmobles son coñecidas como estruturas e igualmente numeradas en orde de detección.

O rexistro das unidades estratigráficas realizouse coa toma datos precisos para a identificación das estruturas e materiais aparecidos, anotando estes nas fichas e diario de escavación en base á súa unidade de traballo e capa estratigráfica. No caso de elementos arqueolóxicos de meirande interese e singularidade, útiles para a caracterización e definición da intervención e do propio xacemento, fíxose un rexistro individualizado con coordenadas tridimensionais.

Para a toma de datos no curso da escavación, foron sinaladas no terreo dúas estacións, unha por sector, desde a que se realizaron as medicións altimétricas relativas coidadas necesarias para o rexistro das unidades estratigráficas e materiais, medidas que van ser posteriormente corrixidas e trasladadas a valores absolutos en relación aos datos topográficos comprobados nesta campaña.

O material recuperado é inventariado, siglándose para a súa individualización e inventario, contextualizándoo e clasificándoo por unidades e niveis, levando cada peza a sigla correspondente á campaña: VDO7-nº orde(sucesivo do 1 ata o final) e indicando con VDO7-1/1,2,3 o número de fragmentos cando a peza se pega ou recompón.

A intervención arqueolóxica, campaña de escavación do ano 2007, aínda que teñamos que agardar ao remate do estudo dos elementos exhumados para a súa interpretación e avaliación, podemos cualificala como positiva no que respecta aos seus resultados científicos e patrimoniais. Como ampliación das áreas abertas na última campaña do ano 2006, permite afondar no coñecemento dos dous sectores do castro onde se vén investigando nestes anos: na croa, e na entrada leste ao interior do recinto, a entrada principal, a través do forte sistema defensivo aquí existente.

No sector da entrada ao interior da croa, descubriuse definitivamente a continuación do camiño de entrada hacia a rolda sur da muralla, co seu lousado orixinal, camiño flanqueado á esquerda por un novo barrio da croa, escavándose enteiramente unha estrutura habitacional e exhumándose parcialmente unha habitación adosada á mesma, que se unirá ao paramento interno da muralla sur, seguindo a tipoloxía urbana da zona noroeste da croa. No seu interior recolleuse un interesante conxunto de materiais, entre os que cabe salientar un tesouriño composto de 338 numismas de bronce, a maioria folles e semis, ademais de anacos de terra sigillata e cerámica fina, cerámica común e cerámica castrexa, vidros, ferros, etc. A riqueza cuantitativa e cualitativa dos restos materiais asociados a esta construción, xunto co particular da súa situación, a pouca distancia do arco sur da muralla cara á cal se dirixe un ramal do camiño de acceso flanqueando a plataforma inferior da estrutura, ademais da continuación de estruturas deste barrio, fai coidar como dun alto interese a continuación da escavación desta zona, a fin de acadar un mellor coñecemento da configuración urbanística do castro neste sector da entrada e os camiños de tránsito interior que a partir del se crean. Varias son as consideracións a facer respecto deste sector, consideracións que seguen a liña apuntada no informe do ano anterior:

1- A escavación da Estrutura 1 deste sector da entrada permitiu recoñecer completamente unha nova unidade habitacional do xacemento, de planta rectangular de esquinas redondeadas, tipoloxía común do mundo galaico–romano, no que cadra, ademais, pola adscrición cultural dos restos mobles con ela directamente relacionados. Adosada, imbricados os muros, sae unha nova unidade habitacional, Estrutura 2, en dirección ao paramento interno da muralla sur; foi escavada parcialmente, sendo imposible continuar en profundidade, se non se continúa a escavación en área.

2- A Estrutura 1, segue cimentándose nunha plataforma ou terraza que se eleva sobre o camiño que flanquea e constatamos nesta campaña que continúa en dirección á rolda sur da muralla como semella sinalalo a ringleira de seixos brancos que serve de delimitación á plataforma devandita, mesma solución vista noutros puntos do xacemento, trazando, quizá, un “camiño de rolda”; hai que supoñer a esta plataforma, primeiramente, unha función niveladora do terreo, aínda que tamén puidera xogar un papel illante respecto das humidades do mesmo e dos leitos que supoñen os camiños. Esta solución está moi presente en todo o interior do xacemento, semellando ser unha forma de optimizar o espazo construtivo en relación ás vías interiores de deambulación, o que debe responder á súa planificación urbana.

3-Foi importante a escavación completa da unidade habitacional situada en 13-Ñ/2, parcialmente escavada en anteriores campañas, porque a exhumación do vestíbulo permite apreciar a planta completa, ao tempo que define polo oeste o camiño ou rolda sur da muralla, que discorre entre esta vivenda e a Estrutura 1, recuperada completamente na actual campaña de escavación.

No sector do acceso leste ao xacemento partiuse da existencia dunha entrada ao castro confirmada na campaña de 2003, continuada no 2006, cando se exhumou o total da anchura da mesma, o que permitiu documentar un corredor arquitectónico monumental que supera os 15 m de lonxitude, cunha anchura variable entre os 3,20 m no seu cabo oeste e os 2,80 m no leste; no inicio deste corredor recuperáronse as pegadas, en formas de rozas verticais nos paramentos das murallas, que sinalan a posición da porta interior que pechaba o paso ao recinto. Polo tanto puidéronse documentar os muros laterais que crean o corredor de entrada na muralla, que contan cunha gran monumentalidade, co uso no seu aparello de mamposto de pedras dun gran tamaño e volume que lles prestaba gran solidez defensiva. Estas pedras alternábanse con outras de menores dimensións, a fin de optimizar os recursos dispoñibles. Estes muros, na superficie aberta na campaña do 2006, foron exhumados en mal estado de conservación, aparecendo derrubados a moi pouca altura da rasante do camiño que flanquean, conservando unicamente dúas ou tres fiadas “in situ”; esta mala conservación ía a peor conforme se avanzaba cara ao exterior do xacemento, pero a campaña seguinte de consolidación permitiu a súa recuperación patrimonial.

Na actual campaña compróbase que continúan os batentes dereito e esquerdo da muralla (paramentos norte e sur dos muros que flanquean o acceso á croa). Os paramentos agora descubertos cruzan toda a area de escavación; o longo total escavado do batente dereito (paramento N) é de 9,45 m e o do batente esquerdo (paramento S) é de 8,75 m, sitúanse en dirección NO-SL, están constituídos por un mamposto, cachotería irregular de lousas de xisto de gran e mediano tamaño, cun máximo de 8 fiadas conservadas en alzado e 2 en planta.

A utilización de grandes lousas fai que o muro chegue a acadar por zonas ata 0,60 m de ancho.

Sobre a parte superior da muralla documentouse un potente nivel de derrubamento e entullo que houbo que rebaixar en talude superando os límites da unidade de escavación por motivos de seguridade. Así mesmo, deixouse totalmente á vista o ancho da fábrica do muro para a súa futura consolidación.

A 2,07 m do inicio da cata o paramento da muralla presenta un retranqueo cara ao interior do camiño de acceso, reducindo o paso; o retranqueo é de 0.35 m Precisamente antes do retranqueo e imbricada no paramento da muralla, exhúmase unha lousa de xisto en posición horizontal, colocada sobre o empedrado do acceso; as dimensións desta pedra, de forma irregular, que forma parte do umbral dunha nova porta de acceso, son de 0,75 m de longo, 0,55/0,65 m de ancho e 0,15 m de grosor. Aliñada con esta lousa, a 1,39 m do paramento da muralla, localízase unha peza lítica de granito, in situ tamén, de forma circular, con rebaixe lonxitudinal central; a peza mide 0,36/0,40 m de diámetro, e 0,17 m de grosor, e dende as caras exteriores e cara ao centro vai gañando altura, tomando unha forma troncocónica; nesta elevación da peza está o rebaixe en dirección N-S, de 0,25 m de longo, 0,06 m de ancho e 0,04 m de profundidade.

Na mesma liña que esta peza lítica e a lousa, cara ao sur da sondaxe, e tamén imbricada no paramento sur da muralla, exhúmase outra lousa de xisto; esta peza, en posición horizontal, cuadrangular, mide 0,49 m de longo, 0,38 m de ancho, e 0,14 m de grosor.

Os elementos descritos sitúannos diante da base dos batentes dunha nova porta de dúas follas.

A distancia entre a porta interior, escavada na campaña do 2006, e a porta exterior, escavada na actual campaña, é de 2,70 m. O ancho do camiño na zona que coincide coa porta interior é de 3,53 m, e na zona que coincide coa porta exterior é de 3,10 m.

O ancho do camiño entre o paramento dos batentes, no inicio da escavación é de 3,10. Na zona do retranqueo é de 2,69 m, e a continuación deste é de 2,56 m.

Este sector investigado na campaña de escavación do ano 2007, representa o sector exterior á muralla principal, sobrepoñéndose ao primeiro foxo e parapeto. As unidades de escavación emprazáronse na liña que prolonga a entrada ao xacemento, a fin de comprobar como se salvaba o paso do foxo e se o camiño, con estrutura artificial e presentando unha importante pendente de acceso, se prolongaba máis aló deste, constatándose efectivamente que se prolonga posiblemente ata a terraza onde se construíu o museo, flanqueado e defendido polos batentes esquerdo e dereito da muralla e por dúas portas que pechaban o acceso ao recinto habitacional.

Descubriuse polo tanto ao longo da unidade escavada o camiño empedrado que daba acceso ao interior da croa, alternando na súa estrutura pedras de mediano e gran tamaño de xisto, pero tamén con presenza dalgún seixo. O camiño combina coas pedras, que conservan a horizontalidade, un piso de terra de cor marrón escuro moi compactado, con fragmentos de xisto degradado. Este camiño, o orixinal de acceso ao castro, continúa polo tanto en dirección ás terrazas exteriores aos elementos defensivos.

Constatamos, unha vez máis, como en toda actuación arqueolóxica que aborda solucionar interrogantes son os interrogantes os que terminan impoñéndose e que unicamente posteriores campañas de escavación serán quen de resolver. Concretamente, no que se refire a esta campaña, a nivel de investigación, confírmase a necesidade de escavar en área o sector da croa en que se está traballando para definir completamente o novo barrio parcialmente escavado, así como a rolda sur da muralla; a nivel patrimonial, vese a necesidade de buscar unha solución para que se poda mostrar o acceso orixinal, co empedrado e os elementos da porta exterior e interior, sen danar as estruturas arqueolóxicas.

 


Artigo de

Autor
Emilio Ramil González

Publicación orixinal
Croa nº17, 2006, pp. 4-9

Versión electrónica
Enrique Jorge Montenegro Rúa
http://www.aaviladonga.es/e-castrexo/ga/mcroa1704.htm

Copyright © 2010 | Castro de Viladonga. Todos os dereitos reservados

Logo Castro