Considerando que o Museo pode e debe ser
unha ampliación das aulas, incluso entendendo a súa visita ó mesmo como
"actividade extraescolar", este MUSEO ARQUEOLÓXICO DO CASTRO DE VILADONGA
ofrece un Programa de Acción Didáctica dirixido, por un lado, a fomenta-lo
coñecemento do xacemento castrexo e galaico-romano de Viladonga e do seu Museo, e por
outro, a facilitar e potencia-las actividades sobre os mesmos.
Coa Unidade Informativa para o profesorado e
as Fichas de traballo para o alumnado que aquí se facilitan a xeito de suxerencia,
inténtanse que os Centros Escolares (de Ensino Primario, Secundario ou de Bacharelato,
por medio das súas Áreas, Departamentos ou Seminarios correspondentes), programen e
preparen previamente as visitas, cadaquén ó seu nivel escolar, podendo tamén estender
esta actividade educativa a traballos, enquisas, redaccións, debuxos, etc., feitos antes
ou despois daquelas. Déixase, pois, a discreción do Profesorado a elección e deseño
dos traballos e actividades a realizar, tanto desde o punto de vista dos contidos
conceptuais coma no que refire ós aspectos procedimentais e actitudinais. En calquera
caso, sería de moita utilidade para este Museo coñece-las reaccións, motivacións,
respostas e experiencias ás que se poida chegar neste sentido, tanto a nivel global como
a título individual, de profesor/es e/ou alumnos. A este respecto, agradecerase a
cumprimentación, por parte do Profesorado, da Folla de Evaluación que acompaña este
Programa de Acción Didáctica.
A finalidade deste Programa é axudar a
completa-las ensinanzas recibidas nas aulas cun tipo de actividade didáctica de carácter
práctico, como introducción á investigación histórica, en contacto directo, neste
caso, cos materiais arqueolóxicos como fonte que son de coñecemento da Historia e, en
concreto, da Cultura Castrexa e Galaico-romana.
Diríxese, ademais, a facer coñecer ó alumno
unha parte importante do Patrimonio Cultural de Galicia, co fin de que se poida valorar,
protexer, entender e conservar como é obrigado moral e legalmente, e axudar así a
evita-la súa degradación ou desaparición.
CONDICIÓNS IDÓNEAS PARA AS VISITAS
As visitas de Grupos Escolares de calquera
nivel deben anunciarse con antelación (Telf.: 982 - 314 - 255. Fax: 982 - 314 - 194.
Web: http://www.aaviladonga.es/ga/padc.htm),
tendo en conta as seguintes normas:
Deben facerse grupos, a poder ser homoxéneos,
non superiores a 35/40 persoas, en razón do propio espacio físico do Museo e para
favorece-lo aproveitamento didáctico da visita. En caso de que o grupo fose máis
numeroso, deben facerse subgrupos, turnándose para ve-lo xacemento uns mentres outros ven
o Museo e outros un Vídeo, sempre con cadanseus Profesores responsables.
A título orientativo, pénsese que a visita
completa ó Museo pode levar uns 25/30 minutos (e 25 máis se se quere ver un Vídeo), e
ó Castro outros 20/25 aproximadamente, podendo reducirse ou ampliarse loxicamente a
duración da visita segundo as conveniencias de cada caso.
O Museo abre tódolos días da semana
ininterrompidamente de 10 a 20 horas. As condicións de entrada poden variar
conforme á normativa vixente en cada momento, pero en principio a entrada para Grupos
Escolares é sempre gratuita solicitándoo ó Museo previamente ou no momento de facela. A
visita ó Castro é libre e gratuita en todo momento.
O XACEMENTO
O Castro de Viladonga (no concello de Castro
de Rei, -Lugo-, e situado a 23 Km. ó N.E. de Lugo pola estrada de Asturias, N-640), é un
xacemento que ocupa toda a coroa dun monte a 550 m. de altitude, abranguendo unhas 4
hectáreas entre as súas murallas máis exteriores, cunha acrópole ou croa central duns
100 x 95 m. nos seus eixos.
É un verdadeiro modelo formal de Castro, pois
ten murallas, foxos, croa e antecastros. A súa monumentalidade e os achados producidos
casualmente (coma un torques de ouro aparecido en 1911), induciron a que desde 1971 a 1978
se realizasen en Viladonga escavacións e traballos arqueolóxicos, poñendo ó descuberto
varias estructuras de habitación na croa así coma defensivas e doutro tipo. A partir de
1982 continuáronse os traballos no Castro, limpando, consolidando e proseguindo as
escavacións arqueolóxicas.
Entre os achados producidos poden destacarse:
ferramentas e armas de ferro, de pedra e de bronce (algunhas únicas na súa tipoloxía),
unha gran cantidade e variedade de apliques, broches, fíbulas e febillas, arreos de
cabalería, así como todo tipo de útiles, outro torques de ouro, contas de colar, un
anel de ouro e outros de acibeche e bronce, dous áureos do emperador Arcadio (entre
numerosas moedas como antoninianos, semisses, e folles de bronce dos
s.III e IV), dous taboleiros de xogo e, por suposto, unha gran abundancia de cerámica de
tradición castrexa, amáis de común romana e terra sigillata (cerámica de mesa
romana, - sudgálica, hispánica e tardía -), así coma innumerables tégulas e ímbrices
das cubertas das construccións, outras das cales levaban a cubrición de palla ou colmo.
Estes materiais, e as estructuras defensivas e
de habitación coñecidas, evidencian un asentamento continuado e duradeiro, importante
sobre todo en época galaico-romana tardía (s.III ó V d.C.), e fan deste Castro un sitio
clave para estudiar, entender e coñece-lo desenrolo e evolución da Cultura Castrexa
despois da conquista romana do Noroeste. Trátase, pois, dun Castro que coñece o seu auxe
precisamente na etapa galaico-romana, pero conservando estructuras e materiais de
tradición anterior, é dicir, dos castros da Idade do Ferro, tal como sucede noutros
xacementos galegos (castros de Elviña, Sta.Trega, S.Cibrán de Las, etc.).
O MUSEO : CONTIDO E EXPOSICIÓN
A importancia arqueolóxica e o interese
histórico do Castro de Viladonga, máila cantidade e a calidade dos materiais aparecidos,
e a necesidade de investigalos e expoñelos no seu propio contexto, fixeron que o
Ministerio de Cultura crease en 1983 o Museo Monográfico do Castro de Viladonga,
nun edificio que fora construído entre 1976 e 1978. O seu acondicionamento, instalación
e montaxe fixéronse en 1985-1986, abríndose ó público en novembro deste último ano.
Entre 1992 e 1994 realizáronse importantes
obras de ampliación e reforma, con dotación dun novo edificio a continuación do xa
existente. A súa xestión corresponde á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
O Museo do Castro de Viladonga
ten que cumpri-las funcións conservadora, investigadora, didáctica e comunicativa que
corresponden a este tipo de entidades.
Cara ó público o Museo está estructurado en
catro Salas:
A Sala I (Medio Natural e Hábitat)
amosa aspectos relacionados co medio natural no que se insire o xacemento; informa sobre o
posible nivel prerromano do Castro, e explica a disposición e tipo de defensas, a
organización do poboado, os tipos de construccións e os seus elementos. Poden verse
materiais como quicieiras, pesas de colmo (cuberta vexetal), tellas curvas e planas, e
incluso chaves. Todo isto exponse por medio de paneis, vitrinas e unha maqueta
volumétrica, que facilitan a comprensión da ocupación do espacio no Castro e todo o
relacionado coas súas construccións.
A Sala II (Cultura material - 1) adícase
ós elementos da vida común e da cultura material no Castro de Viladonga e, por
extensión, na Cultura Castrexa e Galaico-romana: útiles e ferramentas de pedra, ferro e
bronce, materiais domésticos como a cerámica castrexa e romana (e dentro desta, a común
de cociña e de mesa e a "terra sigillata"), muíños manuais, armas e outros
obxectos e instrumentos diversos.
Nesta Sala pode verse unha gran maqueta que reconstrúe o conxunto do
poboado castrexo.
A Sala III (Cultura material -2- e
Crenzas) mostra os obxectos de vidro, adornos e apliques para persoas e cabalerías,
xoias e aderezos, moedas (de ouro, prata e, sobre todo, de bronce), xogos, amuletos e
outros materiais de feitura e uso moi diverso.
A Sala de Información Complementaria
resume a historia e o plan do Museo, e os traballos arqueolóxicos realizados no Castro
desde 1971. Tamén pode atoparse nesta Sala, información global sobre a Cultura Castrexa,
a época Galaico-romana, e sobre o contorno arqueolóxico do Castro de Viladonga. Todo
isto ilústrase con mapas, deseños e fotografías, e unha pequena vitrina contén
materiais arqueolóxicos da comarca.
Ademais desta parte expositiva, existe unha Sala
de Actos para a proxección de audiovisuais e vídeos, ou para conferencias, podendo
tamén usarse como aula. Habitualmente hai Vídeos sobre a Cultura dos Castros,
dispoñibles para ver nesta Sala.
BIBLIOGRAFÍA (A fundamental para o Castro e o Museo de
Viladonga)
* M.CHAMOSO LAMAS: "Las excavaciones del Castro de Viladonga y la problemática que plantean
sus resultados", Actas del Coloquio sobre el Bimilenario de Lugo, Lugo
1977, p.41-46.
* F.S.LÓPEZ GÓMEZ: "O folklore do Castro de Viladonga e da súa bisbarra", Actas
del XV Congreso Arqueológico Nacional (Lugo 1977), Zaragoza 1979, p.623-630.
* J.M.CAAMAÑO GESTO-J.R.LÓPEZ RODRÍGUEZ: "Sigillatas del Castro de Viladonga",
Gallaecia, 7-8, 1984, p.138-178.
* F.ARIAS VILAS: Castro de Viladonga.Campaña 1983
(Arqueoloxía.Memorias 2), Santiago de Compostela, 1985, 54 páxs.
* Castro de Viladonga (folleto, Ministerio de Cultura), Lugo
1989.
* F.ARIAS VILAS: "O proxecto de ampliación do Museo do Castro de
Viladonga (Lugo)", Coloquios Galegos de Museos, Ourense-Vigo 1992, p.43-54.
* F.ARIAS VILAS / MªC.DURÁN FUENTES: Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) (guía),
(Xunta de Galicia), Santiago de Compostela 1996.
* F.ARIAS VILAS: "Comunicación, didáctica e acción cultural. O
caso do Museo do Castro de Viladonga (Lugo)", Administracións Autonómicas e
Museos. Cara a un modelo racional de xestión, (Xunta de Galicia), Santiago de
Compostela 1997, p.225-253.
* CROA. Boletín da
Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, (anual, desde 1991).
* e-Castrexo.
Publicación electrónica para a divulgación das culturas castrexa e galaico-romana.
(http://www.aaviladonga.es/e-castrexo/ga)
Bibliografía sobre Didáctica nos Museos Arqueolóxicos:
* A.GARCÍA BLANCO: Didáctica del Museo. El descubrimiento de los
objetos, (Ed. de la Torre), Madrid 1988.
* MªC.FERNÁNDEZ OCHOA et aliae: Arqueología. Enseñar desde las
raíces de la Historia, (Narcea de Ediciones-Inst.de Estudios Pedagógicos
Somosaguas), Madrid 1990.
* VV.AA.: Los Museos en la Didáctica (Cuadernos IBER, nº 15,
enero 1998), (Graó de Educación), Barcelona 1998.
NOTA ADICIONAL
Outros lugares susceptibles de visita na mesma ruta ou comarca:
- Lugo (Muralla, Catedral, Museo...)
- Lagos de Teixeiro-Monte Labio (área recreativa)
- Fonmiñá (río Miño), Meira (Mosteiro cisterciense), Pedregal de
Irimia (nacemento río Miño)
- Cara ó Norte: Mondoñedo (Catedral e Museo Diocesano, casco
histórico), e Vilanova de Lourenzá (Mosteiro e Museo de Arte Sacra)
- Cara ó Oeste, por Lugo: Sta.Eulalia de Bóveda (Monumento romano),
Museo Etnográfico e Histórico de San Paio de Narla, Sobrado dos Monxes (Mosteiro),
Cidadela (Campamento romano en escavación), etc.
- Cara ó Leste e Nordeste: Os Fornos da Pontenova-Vilaodriz
(arqueloxía industrial), conxuntos etnográficos de Taramundi e Os Oscos, Museo
Etnográfico da Fonsagrada, Castro de Chao Sanmartín (en escavación) e Museo
Etnográfico de Grandas de Salime, etc.
* Existe unha Ruta de Senderismo sinalizada (Ruta do río Azúmara), duns 7'5 km., entre o
Castro de Viladonga e a vila de Castro de Rei, pasando polo Monte Cordal, beiras do río,
muíños, canles e túnel de antigas minas, etc.
|