OBXECTIVOS
O obxectivo principal desta
Unidade Informativa é axudar ó Profesor á hora de achegar os alumnos, (en particular
ós das últimas etapas do Ensino Primario), á comprensión e ó coñecemento do Castro
de Viladonga e, dun xeito xeral, da Cultura Castrexa e Galaico-romana. Para isto, suxerimos
neste Programa, só como unha das propostas posibles, unha serie de
actividades que nos leven ó coñecemento dos distintos elementos (estructuras in situ,
ou obxectos no Museo) que forman parte do Castro de Viladonga, así como da información
arqueolóxica e histórica que nos dan.
Preténdese que o Castro de Viladonga actúe
como elemento integrador e potenciador de gran parte dos coñecementos sobre a Cultura
Castrexa e Galaico-romana, tratando de que os alumnos entendan a Historia dun xeito máis
activo e ameno; ademais, trátase de desenrolar e reforzar nos nenos unha serie de
destrezas ou hábitos que poidan facer que se mostren interesados pola realidade
histórica e o patrimonio cultural que os rodea, e mesmo como "investigadores"
ou pescudadores da súa primeira Historia.
PERIODIZACIÓN DA CULTURA CASTREXA
A
Cultura Castrexa, que abrangue propiamente desde o s.V a.C. ata o s.I d.C., pero que
pervive (en canto a que se seguen ocupando castros) ata o s.V d.C., non é un concepto
estanco e unitario ó longo da súa extensa duración e en todo o Noroeste peninsular,
senón que hai unha evolución e uns cambios producidos, por un lado, pola propia
dinámica interna desta Cultura, e por outro, polas influencias e impulsos procedentes do
exterior.
Sintetizando as teorías de diversos autores,
pódense distinguir catro períodos ou fases:
1.- Castrexo Inicial (s.VII - V a.C.): transición
Idade do Bronce - Idade do Ferro, primeiros castros con estructuras pétreas (Torroso,
Penalba, O Neixón Pequeno, Penarrubia, A Graña...).
2.- Castrexo Pleno (s.V - I d.C.), con varias subfases
(segundo algúns autores):
A) S.V - III a.C.: aparecen materiais de importación
de procedencia fenicio-púnica e grega.
B) S.II - I a.C.: aparecen os materiais de
importación romana, sobre todo a raíz das campañas de Décimo Xunio Bruto e de Xulio
César; destaca ademais unha evolución na construcción arquitectónica (xa toda de
pedra, salvo en dependencias anexas) ou na arte (con influencias centroeuropeas e
mediterráneas), así coma no conxunto da cultura material (cerámica. muíños
circulares, difusión do ferro ó lado do bronce, etc.). (Castros de Borneiro, Baroña, O
Neixón Grande, Castromao, Troña, Sta.Trega, poboado da Lanzada, etc.).
C) Fins do s.I a.C. - fins do s.I d.C. (época
flavia): acentúanse os influxos externos que impulsan a propia evolución interna dos
castros, aumentan as importacións romanas (circulación monetaria, cerámica...), comenza
a explotación económica por parte de Roma (minería do ouro...), e hai un
desenvolvemento das artes plásticas castrexas. (Castros de Sta.Trega, Vigo, Coto do
Mosteiro, S.Cibrán de Las, Elviña, Barán, Fazouro, primeiros castros mineiros do
Courel, etc.).
3.- Castrexo Final ou Galaico-romano (segundo os
autores) (fins s.I d.C. - s.V d.C.): entrada plena da Gallaecia nos sistemas romanos de
organización territorial, social e económica, con espallamento de novos asentamentos
(cidades, mansións viarias, villae, vici...), recuperación e
re-fortificación dalgúns castros ou castella e, en suma, formación dunha
Cultura Galaico-romana tanto nos aspectos materiais e socio-económicos coma nos
ideolóxicos (político-relixiosos). (Castros de Viladonga, Sta.Trega, Santomé, Cidá do
Castro de San Millán, algúns castros mineiros, poboado da Lanzada, etc.).
ESTRUCTURACIÓN DAS ACTIVIDADES
Co fin de facilita-lo achegamento dos alumnos
ó Castro de Viladonga e ás informacións contidas no seu Museo monográfico, facilítase
ó Profesorado un total de 16 Fichas de traballo, para cubrir por aqueles, ben de maneira
individual ou facendo pequenos grupos. O Centro e/ou o/a Profesor/a seleccionará as
fichas que estime mais adaptadas ás características das ensinanzas dadas e ó nivel,
aptitudes e actitudes do seu alumnado.
Se o Profesorado quere que os alumnos
"investiguen" ou "descubran" algúns dos aspectos da vida no Castro (e
por extensión naquela etapa histórica), ou ben se pretende familiarizalos el mesmo co
contido do Museo, téñase en conta o dito a este respecto na Introducción deste Programa
de Acción Didáctica (apartado "O Museo: contido e exposición"), suxeríndose
a estructuración da actividade en función daquel contido e nestes cinco bloques
explicativos:
1.- Situación e organización espacial do Castro:
* xeográfica
* histórica
* distribución e ocupación do espacio
* tipos e formas das construccións
2.- Aspectos defensivos do home e do territorio:
* armas (tipos, materiais...)
* tipos de defensas no Castro (murallas, foxos, naturais...)
3.- Aspectos e actividades económicas:
* minería e ourivería
* actividades agrícolas e gandeiras
* recolección, caza e pesca
* oficios artesanais
* intercambios (troco, comercio...)
4.- Costumes sociais e aspectos domésticos:
* a vida no Castro
* o papel da muller e do home
* actividades e elementos domésticos
5.- Aspectos ideolóxicos e lúdicos:
* crenzas, cultos e ritos (amuletos, obxectos votivos...)
* xogos e lecer
Esta estructuración ou división en bloques
non quere dicir que cada grupo de alumnos teña que estar nun só lugar do Museo (ou do
Castro) recollendo datos sobre unha cuestión determinada, senón que en cada unha das
súas salas, en paneis, en vitrinas e en maquetas, van achar informacións sobre aquelo no
que están a traballar; este é un aspecto, o da globalidade da información, que o
profesor debe facer ver e entender antes da visita.
Todas estes datos e anotacións poden ser
complementados por medio de folletos, guías e outros materiais que o Museo pode facilitar
ou suxerir ós profesores, e loxicamente tamén polas mesmas leccións e orientacións
destes.
En calquera caso, o Museo, na medida das súas
posibilidades ofrece os seus medios e o seu persoal (técnico, e de atención ó
público), para axudar ó desenvolmento positivo deste Programa.
BIBLIOGRAFÍA DE CONSULTA
* F.ARIAS VILAS: A Romanización de Galicia, (Ed.A Nosa
Terra), Vigo 1992.
* F.CALO LOURIDO: A Cultura Castrexa, (Ed.A Nosa Terra), Vigo
1993.
* A.ROMERO MASIÁ-X.M.POSE MESURA: Galicia nos textos clásicos,
(Monografías Museo S.Antón, 3), A Coruña 1987.
* A.TRANOY: La Galice Romaine, (Ed.De Boccard), París 1981.
* VV.AA.: La Romanización de Galicia, (Cuadernos de
Sargadelos 16), A Coruña 1993 (2ª ed.).
* VV.AA.: Cántabros, Astures y Galaicos, (Exposición
Ministerio de Cultura), Madrid 1982.
* VV.AA.: Estudos de Cultura Castrexa e Historia Antiga de Galicia,
(Univ. de Santiago- Inst.P.Sarmiento), Santiago de Compostela 1983.
Tamén poden consultarse obras de referencia ou Historias xerais como:
* X.AGRAFOXO: Didáctica da Prehistoria de Galicia, Noia 1992
(Ed.propia)
* X.AGRAFOXO: Didáctica da Historia Antiga e Medieval de Galicia,
Muros-Noia 1993 (Ed.Toxosoutos)
* Gran Enciclopedia Gallega, s.v. "Castros",
"Celtas", "Cultura Castrexa", "Escultura",
"Romanización", e outras.
* VV.AA.: Historia de Galicia, I, (Ed. Planeta), Barcelona
1980.
* VV.AA.: Galicia. Historia, I, (Ed. Hércules), A Coruña
1993.
* VV.AA.: Galicia. Arte, I, (Ed. Hércules), A Coruña 1994.
* VV.AA.: Historia xeral de Galicia, (Ed.A Nosa Terra), Vigo
1997.
Para os Aspectos particulares deste xacemento, véxase a Bibliografía
sobre o Castro de Viladonga na Introducción deste Programa de Acción Didáctica. |