XUSTIFICACIÓN
A intención desta Unidade é axudar a
coñecer como se constituiu o pobo galaico no proceso que se inicia antes da conquista
romana do Noroeste e que se continúa despois desta. Tanto esta Unidade Informativa que se
aporta ó Profesorado como as 26 Fichas de traballo que se acompañan para o seu uso cos
alumnos, ofrécense só a título de suxerencia como unha das actividades posibles
a realizar na visita ó Castro e ó Museo. Loxicamente, ademais destes contidos
conceptuais, o Profesorado decidirá como mellor conveña o uso e desenvolvemento dos
aspectos procedimentais e actitudinais pertinentes.
A EVOLUCIÓN DA CULTURA CASTREXA:CAMBIO E CONTINUIDADE
Os grandes temas de investigación
Xa que as fontes materiais (arqueolóxicas, as
que aporta o Museo) non chegan para poder cubrir tódolos aspectos da Cultura Castrexa e
Galaico-romana, hai que recorrer tamén ás fontes literarias, sexan estas primarias
(textos de autores clásicos, coas precaucións que logo se comentan) ou sexan secundarias
(da Historiografía actual, moi diversas), para que, con todas elas, os alumnos poidan
apuntar solucións aproximadas ós problemas que se suscitan, e formular conclusións
coherentes, que deberán promoverse por medio da posta en práctica de debates ou de
calquera outro tipo de actividades.
Os problemas que presenta a investigación son
múltiples e diversos, pero poden ser sistematizados ou resumidos en torno a algúns temas
principais:
A.- O da continuidade: Cando Roma conquista o
territorio galaico, este ten de seu unhas tradicións culturais solidamente establecidas;
é o tema da orixe e natureza dos pobos que nos deixaron os restos que coñecemos como
"cultura dos castros" máis característica e "tradicional", que non
é, nin moito menos, exclusivamente céltica. Pero, ademais, non todo o que constituía
esa cultura indíxena desaparece despois da conquista romana, senón que, en boa medida,
se transforma e, nalgúns aspectos, mesmo se potencia.
B.- O da asimilación ou aculturación:
Supón analiza-la intensidade e o alcance desas transformacións producidas pola conquista
e pola posterior implantación dunha nova orde.
C.- O da Romanización: Remítenos ó
problema da inexistencia de marcos de referencia axeitados nunha boa parte da
Historiografía, e ó encaixamento de todo o complexo mundo daqueles cambios e
transformacións nun concepto como o de "Romanización"; hóuboa como tal, pero
foi diferente á dos vellos esquemas historiográficos de tipo mediterraneizante.
Acerca destes temas poden destacarse, polo
menos, tres posturas diferentes:
Algúns investigadores deducían a
inexistencia de Romanización na Gallaecia basándose na ausencia case total de municipii
romanos e na escasez de núcleos urbanos no N.O. de Hispania. O grao de Romanización era
medido, maiormente, segundo os puntos acadados nunha escala onde o grao máximo estaría
na Bética hispánica ou na Narbonense gala, áreas onde tódolos aspectos e cambios da
nova orde estaban presentes. Sen embargo, hoxe sabemos que o concepto de Romanización que
convén, por exemplo, á Betica ou á Tarraconense non é axeitado para outras zonas máis
periféricas. Non debemos considera-las sociedades non urbanas do N.O. hispánico como
algo sinxelamente atrasado en comparación con outras zonas, senón como algo distinto,
que tiña un substrato xa diferente e, polo tanto, o resultado da Romanización tampouco
non será igual. A realidade prerromana, unida ás condicións da conquista e á
evolución posterior, producen en cada caso un resultado diverso, sendo así un cambio
histórico importante.
Pola contra, outros investigadores prestan
especial atención ó que se denomina "aculturación" material, é dicir, o uso
e adopción por parte dos indíxenas de útiles, instrumentos e outras formas materiais
romanas. Se isto fose tan simple, habería que falar tamén, por exemplo, dunha
romanización dunha parte de Rusia, o cal non se axusta á realidade histórica xa que nin
siquera formou parte do Imperio Romano. Nesta concepción non se valoran axeitadamente as
transformacións internas que se producen nos pobos indíxenas por efecto da conquista
romana. Aínda así, non hai que pensar que se perderan necesariamente as pegadas da súa
identidade histórica, porque as devanditas transformacións poideron tamén producir un
reforzamento dos vínculos que cohesionaban as sociedades prerromanas, dándolles unha
nova entidade moito máis potente e compacta aínda que sobre bases novas.
A idea máis plausible é que, en realidade, a
Romanización da Gallaecia existe como algo moi complexo, diferente á doutras
áreas pero similar á dalgunhas rexións periféricas do mesmo Imperio. É un proceso
histórico gradual que afecta á paisaxe, á organización do territorio e da sociedade,
á cultura material e ás crenzas. Pero todo esto non supón, nin moito menos, que se faga
"tábula rasa" do substrato anterior, senón que mesmo se potencia a súa
evolución, producíndose o que se denomina "asimilación cultural",
"aculturación" e mesmo "inculturación".
As fontes de coñecemento
Para o estudio do proceso histórico dos pobos
do N.O., dispoñemos de distintas informacións proporcionadas pola Lingüística e a
Literatura, a Arqueoloxía, a Epigrafía e a Numismática, e incluso a Etnografía.
As fontes lingüísticas (e dentro
delas a onomástica e a toponimia) foron e son utilizadas sobre todo nas investigacións
sobre o celtismo, e permiten supoñe-la existencia dunha lingua de rasgos célticos, (ou
incluso precélticos) no mundo prerromano do Noroeste, emparentado co lusitano máis que
co celtibérico. Con todo, a Lingüística e a Arqueoloxía non adoitan coincidir nos
resultados das súas investigacións, que deben ser paralelas pero tamén complementarias.
As fontes literarias (os textos dos
autores clásicos) foron, en ocasións e sobre todo pola Historiografía máis
tradicional, sobrevaloradas. Hoxe sabemos que deben sufrir unha certa "peneira"
ou relativización dos seus datos, coma no caso de Estrabón (que logo se verá) e que
chega a aplicar a toda a franxa cantábrica e noratlántica os mesmos tópicos e lugares
comúns.
As fontes arqueolóxicas infórmannos
acerca da cultura material das sociedades que vivían na Gallaecia de antes e
despois da conquista romana. Fannos ver un panorama bastante uniforme, (aínda que con
variantes rexionais ou zonais), que nos leva a pensar nunha certa homoxeneidade que, ó
tempo que os identifica, diferénciaos dos demais. Ás veces, a investigación tradicional
pensaba que a presencia de materiais de orixe romana bastante tempo antes da conquista,
favorecería o establecemento dunha liña contínua desde esas primeiras aportacións
materiais ata a arqueoloxía romano-provincial máis tardía, pero iso suporía prestar
pouca atención a outras transformacións que non son tan visibles na arqueoloxía.
As fontes epigráficas (como as
numismáticas) pertencen maiormente, o mesmo cás anteriores, a unha época posterior á
conquista, pero en moitos casos pódennos dar informacións e datos relativos á etapa
anterior prerromana. Trátase dun gran número de inscripcións latinas, onde achamos
abundantes testemuños sobre a onomástica indíxena e romana ou sobre as diferentes
divindades, e das que se deducen datos referentes á organización político-social ou
mesmo ós gustos artísticos.
As fontes etnográficas, coa
confrontación dos datos históricos cos usos, costumes e cultura material máis
tradicional, poden ser tamén de certo proveito sempre que fuxamos do perigo das
analoxías ríxidas e descontextualizadas. Relacionado con elas está o folclore
arqueolóxico, é dicir, todo o relacionado cos nomes e as lendas e contos referidos
a xacementos arqueolóxicos, e que poden agachar, ben interpretadas, diversas
informacións e datos sobre estes.
Se se quere estudia-la formación e evolución
histórica do pobo galaico, poden darse os seguintes pasos ou fases:
- Defini-los rasgos arqueolóxicos dese pobo, sexa de xeito local ou
xeral
- Coñecer e valora-la aculturación material que se produce antes e
despois da conquista
- Investiga-las formas de organización socio-políticas e económicas,
así coma os seus aspectos ideolóxicos.
Deste xeito, a través do estudio de tódalas
fontes, pódese chegar a comprende-la evolución das tradicións indíxenas (máis
puramente castrexas), a aportación dos elementos que veñen con Roma, e incluso o influxo
doutras zonas veciñas, para confluir nunha nova realidade histórico-cultural que terá
unha grande relevancia e pervivencia na conformación de Galicia.
A realidade existente antes da chegada de Roma. A Cultura
Castrexa
O Castro é unha realidade física e
paisaxística que evoca un núcleo poboacional antigo correspondente a un contexto
histórico e cultural amplo, xa que hai castros que xurden a fins da Idade do Bronce e
outros que se ocupan ata en época suévica. En cambio, a Cultura Castrexa en
sentido estricto ten uns límites espaciais e temporais determinados: abrangue o ángulo
do Noroeste ibérico (desde o río Douro ó Navia, polo menos), e ocupa 4 ou 5 séculos en
torno ó cambio de Era. Conleva de seu unha cultura material, de estructuras constructivas
e de útiles e instrumental, vencelladas a ese tipo de asentamento, xeralmente ben
defendido de xeito natural e/ou artificial.
Existen nesta Cultura algúns elementos que
presentan rasgos de uniformidade, primitivismo e perduración morfotipolóxica (cerámica,
ourivería, certos útiles...), que podía facer pensar nunhas comunidades pechadas sobre
si mesmas e relativamente illadas doutras áreas. Ademais, debe engadirse un
"celtismo" que, para algúns autores, impregna tódalas consideracións
materiais e inmateriais, a partir dunha vella arqueoloxía de raiceiras románticas así
como da análise dos datos lingüísticos. Sen embargo, hai que sinalar que o mundo
anterior ás chamadas "oleadas célticas", moi discutidas e hoxendía negadas
pola maioría dos autores -como tales desprazamentos masivos de pobos-, xa tiña un peso
importante como substrato cultural, e ademais, o N.O. non está illado nin respecto da
Península nin doutras zonas, polo que non é unha área cerrada en si mesma, senón que
mantén unhas amplas relacións tanto marítimas (atlánticas pero tamén mediterráneas)
como terrestres (cercanas ou lonxanas).
Sobre unha mesma realidade arqueolóxica poden
darse distintas realidades históricas. A Cultura Castrexa é un modelo de ocupación
poboacional e de usos ergolóxicos ou materiais que poden darse baixo circunstancias
históricas diversas, con formacións sociais e políticas distintas; é dicir, non é
unívoca nin tan simple a relación entre pobo e cultura (arqueolóxica), porque o uso de
certas técnicas e útiles pode estenderse máis aló dos límites dun pobo ou dunha
"etnia".
Habería que definir este problema
distinguindo o tema lingüístico (si fundamentalmente céltico), do ámbito arqueolóxico
(da cultura material, moi variada e singular), e do concepto étnico (moito máis complexo
aínda), pero sen facer compartimentos estancos e ríxidos que son improcedentes na
análise histórica.
As distintas teorías existentes parecen
coincidir en tres puntos básicos:
- Recoñecen a existencia dun pobo precéltico (¿tamén
preindoeuropeo?), instalado no Noroeste antes da formación da Cultura dos Castros.
- A partir do s.IX - VIII a.C. chegarían á Península Ibérica novos
elementos de poboación orixinarios da Europa Central (non necesariamente en
"oleadas"), e dos que forman parte grupos célticos; entre os s. VII e VI a.C.
prodúcense intensos contactos entre estes grupos e o medio indíxena anterior do
Noroeste.
- Existe a posibilidade de "colonizacións" (ou mellor, de
meros contactos), de elementos célticos a través do Atlántico entre o Noroeste ibérico
e a Bretaña francesa e illas Británicas.
O lingüista A.Tovar considera que o que
aparece na historia como culturas célticas do Occidente de Europa son o resultado dunha
fusión, na que o nome e elementos moi importantes e coherentes da lingua e a cultura son
célticos (e indoeuropeos), pero noutros aspectos da cultura e da mesma etnia, hai
compoñentes moi importantes dunha tradición occidental máis antiga, e tamén existen
influencias de procedencia mediterránea.
En todo caso, outros autores como J.Untermann
ven un claro compoñente lusitano na lingua, de familia céltica, do Noroeste peninsular.
Sobre o mundo da Cultura Castrexa, unitario
pero tamén diverso, interveñen influxos culturais lonxanos, seguramente debido ó
comercio de metais (estaño, chumbo, ouro...). Xunto a eles ou a través deles, pódense
tamén detectar resabios e influencias das grandes civilizacións mediterráneas, como
materiais púnicos do s.VI - V a.C. e vasillas gregas do IV a.C.
Hai que insistir na penetración de materiais
romanos bastante tempo antes da conquista, sobre todo cerámica a teor dos achados que se
producen, o que non ten que entenderse, como xa se dicía antes, coma un primeiro estadio
da "Romanización", senón única e exlusivamente como un intercambio ou unha
ampliación das relacións e rutas comerciais.
Periodización da Cultura Castrexa
A Cultura Castrexa, que abrangue propiamente
desde o s.V a.C. ó s.I d.C., pero que pervive (en canto a que se seguen ocupando castros)
ata o s.V d.C., non é un concepto estanco e unitario ó longo da súa extensa duración,
senón que hai unha evolución e uns cambios producidos, por un lado, pola propia
dinámica interna desta Cultura, e por outro, polas influencias e impulsos procedentes do
exterior.
Sintetizando as teorías dos diversos autores,
pódense dintinguir catro períodos ou fases:
1.- Castrexo Inicial (s.VII - V a.C.): transición
Idade do Bronce - Idade do Ferro, primeiros castros con estructuras pétreas (Torroso,
Penalba, O Neixón Pequeno, Penarrubia, A Graña...).
2.- Castrexo Pleno (s.V - I d.C.), con varias subfases
(segundo algúns autores):
A) S.V - III a.C.: aparecen materiais de importación
de procedencia fenicio-púnica e grega
B) S.II - I a.C.: aparecen os materiais de
importación romana, sobre todo a raíz das campañas de Décimo Xunio Bruto e de Xulio
César; destaca ademais unha evolución na construcción arquitectónica (xa toda de pedra
salvo en dependencias anexas) ou na arte (con influencias centroeuropeas e
mediterráneas), así como no conxunto da cultura material (cerámica, muíños
circulares, difusión do ferro ó lado do bronce, etc.). (Castros de Borneiro, O Neixón
Grande, Baroña, Castromao, Troña, Sta.Trega, poboado da Lanzada...).
C) Fins do s.I a.C. - fins s.I d.C. (época Flavia):
acentúanse os influxos externos que impulsan a propia evolución interna dos castros,
aumentan as importacións (comercio estable, circulación monetaria, cerámica...),
comenza a explotación económica por parte de Roma (minería do ouro), e hai un
desenvolvemento das artes plásticas castrexas. (Castros de Santa Trega, Vigo, Coto do
Mosteiro, S.Cibrán de Las, Elviña, Barán, Fazouro, etc.).
3.- Castrexo Final ou Galaico-romano (segundo os
autores) (fins s.I d.C. - s.V d.C.: entrada plena da Gallaecia nos sistemas
romanos de organización territorial, social e económica, con espallamento de novos
asentamentos (cidades, mansións viarias, villae, vici...),
recuperación e re-fortificacións dalgúns castros ou castella e, en suma,
formación dunha Cultura Galaico-romana tanto nos aspectos materiais e socio-económicos
coma ideolóxicos (político-relixiosos). (Castros de Viladonga, Sta.Trega, Santomé,
Cidá do Castro de San Millán, algúns castros mineiros, poboado da Lanzada, etc.).
As fontes textuais e a etnografía castrexa
As fontes escritas polos grecolatinos (en todo
caso "romanos") que citan á Gallaecia de xeito moi variado e distinto
tanto en extensión coma en contido e propósito, poden agruparse en dous grandes bloques.
Un primeiro grupo engloba os autores que
proporcionan noticias e datos de carácter xeográfico e/ou etnográfico (ás veces
simples mencións en itinerarios), e entre eles poden citarse Silio Itálico, Pomponio
Mela, Ptolomeo e, sobre todo, Plinio o Vello e Estrabón.
Plinio estivo en Hispania no 73 d.C. e danos
unha visión de primeira man referida tanto ós aspectos administrativos como, e sobre
todo, ás actividades económicas do N.O., sendo especialmente útiles e interesantes as
súas descricións da minería aurífera astur-galaica.
En cambio, o grego Estrabón (ou Strabon) no
s.I d.C., baseándose noutros autores anteriores e sen ter estado el nunca na Gallaecia,
descríbenos como eran as poboacións prerromanas do Norte e Noroeste peninsular (sen
facer excesivas distincións entre todas elas) e, sobre todo, as "vantaxes" que
tivo para aquelas a súa conquista e posterior integración no Imperio Romano. O seu
carácter certamente propagandístico (a favor do poder de Augusto), os seus prexuizos ó
describi-los costumes dos "bárbaros" (desde o punto de vista da civilización
greco-romana), así como a falta de matizacións suficientes entre as diversas áreas,
obrigan a relativizar moito as súas informacións, aínda que siga a se-lo autor máis
citado á hora de estudia-lo mundo prerromano do N.O. nas décadas anteriores e
posteriores ó cambio de Era, e o seu uso debe confrontarse con outras fontes históricas
(arqueolóxicas, epigráficas ou doutro tipo).
A xeito de exemplo, e partindo pois da idea de
que Estrabón contrasta continuamente o negativo da singular cultura prerromana cos
aspectos positivos da "Pax romana" (e mediterránea), podémonos preguntar ata
que punto as súas descricións se corresponden con algúns aspectos que coñecemos da
realidade histórica prerromana:
- Algunhas das súas informacións relativas ó ateísmo dos galaicos
son falsas, como amosan, por exemplo, as numerosas inscricións que conteñen nomes de
deidades indíxenas.
- A posible utilización "hixiénica" ou doméstica dos
ouriños ten uns paralelos semellantes noutras partes do mundo antigo, polas súas
propiedades terapéuticas.
- Parte do pan castrexo puido ser fabricado con landras, pero tamén
coñecían o uso de cereais (considerábase que a introducción do cereal era paralela a
todo o que se relaciona coa boa orde social e de aí que Estrabón insista en que non
coñecían o trigo, nin o viño, nin o aceite -senón a cerveixa e a manteiga).
En resume, moitos datos aportados por
Estrabón poden ser certos (como a existencia de construccións de uso social ou común,
con rebancos para sentarse, presentes nos castros), pero deben ser sempre illados ou
relativizados da trama ideolóxica que os inspirou, e confrontados sempre no posible coas
informacións procedentes doutras fontes.
Un segundo grupo de fontes escritas
grecolatinas fórmano as dos autores que nos deixaron o relato histórico daquela época,
en particular referidos á conquista militar do Noroeste e á etapa final do Imperio.
Ademais das referencias contidas en Estrabón, Silio Itálico, Plinio o Vello xa citados,
ou en Avieno (autor do s.IV d.C. pero que usa textos do s.VI a.C.), outros autores como
Tito Livio e Apiano fálannos da expedición de Décimo X. Bruto, mentres Dión Casio e
Floro (e máis tarde Paulo Orosio) dannos a súa versión das guerras astur-cántabras,
facendo fincapé, e non de xeito gratuito, en episodios heroicos coma o do Monte Medulio.
A organización das comunidades castrexas
O que coñecemos na época romana como Gallaecia
non existe como entidade territorial histórica antes da chegada dos romanos. Estrabón
explica que os Kallaikoi (Gallaeci) posuían terras limítrofes coa
Lusitania, e Plinio sitúaos no Conventus Bracaraugustanus (cerca do Porto) como
un pobo máis; este nome de Galaicos aplicouse a tódolos pobos do N.O. por
simplificación, tendo os outros populi uns nomes "demasiado longos e escuros" a
dicir deste último autor latino.
A partir das campañas de D. X. Bruto, o nome
de Gallaeci deixa de ser descoñecido para os romanos, pasando a designar unha
zona moito maior que a orixinaria, dándolle nome ós pobos do Noroeste, todos eles con
rasgos comúns, e conformando así o concepto da Gallaecia, logo subdividida
tamén cun transfondo da realidade de cada área, en Lucensis e Bracarensis.
É lóxico pensar que as comunidades que
achamos cos romanos xa existían antes da súa chegada, xa que estes sempre utilizaron as
formas organizativas preexistentes, tratando sempre de adaptalas e transformalas no seu
proveito, constituíndoas xa a fins do s.I d.C. en res publicae. En Galicia, as
comunidades agrupábanse de xeito distinto ca no resto de Hispania, e así, aquí non
existe ningún testemuño de organización xentilicia nin, por suposto, "tribus"
nin "clans" no sentido propio do termo. O que se documenta aquí (polas fontes
textuais, as inscricións e e ata a arqueoloxía), son as formas de organización social
representadas por un C invertido (>), que cómpre ler (segundo a maioría dos autores
actuais) como castellum (=castro), forma indíxena aínda que estea formulada ó modo
romano, do mesmo xeito que as inscricións están escritas en latín, como lingua oficial
do poder, cando os indíxenas aínda falaban noutro idioma, céltico ou menos céltico.
(Lémbrese por exemplo, como apuntou A. Balil, que os epitafios de calquera parroquia
rural galega estan en castelán cando o idioma usado nese ámbito foi sempre o galego)
Cada comunidade, cada populus ou pobo, funciona coma unha unidade, anque non á
maneira da polis grega ou unha respublica romana. Dentro de cada pobo
daqueles había diferentes sub-núcleos ou sub-comunidades que tiñan certa autonomía, e
que estarían expresadas nas inscricións por medio do termo Castellum, e que
teñen tanta entidade como para facer pactos de hospitalidade (tesserae hospitalitatis
como as do Courel ou do Castromao) ou ben, actuando como comunidade con certo carácter
público, erixir dedicacións votivas a Xúpiter. Por debaixo delas estaría xa a
estructura familiar, seguramente de amplos núcleos de parentesco, dentro dun modelo
patriarcal (coma o romano) aínda que quizais cun sistema de filiación matrilineal.
A EVOLUCIÓN HISTÓRICA
A Conquista militar
A conquista efectiva produciuse ó final das
Guerras Astur-Cántabras, sobre o ano 19 a.C. Establécense fundamentalmente dúas fases:
1.- "Lusitana", en distintas etapas, con
expedicións de exploración do territorio, de castigo ou de pillaxe:
- A primeira campaña militar ten lugar no 137 a.C. con Décimo Xunio
Bruto, que chega ás beiras do Miño logo de atravesa-lo Limia, recibindo por iso o alcume
de "Galaico".
- Sobre o ano 60, Xulio César chega por mar a Brigantium,
buscando, máis có control do territorio, o descubrimento de novas vías de acceso e o
logro de recursos para el mesmo.
2.- "Astur-Cántabra", desenvolta máis ben
no interior do N.O., onde destacan as campañas de Augusto entre o 26 e o 19 a.C., que
supoñen o sometemento, polo menos formal e oficial, do Norte e Noroeste de Hispania ó
nacente Imperio, dando lugar á súa peculiar Romanización.
A reorganización territorial nun novo marco
político-administrativo e económico
Xa rematada a conquista, produciranse unha
serie de transformacións, pois haberá un forte traballo de re-organización que afecta
tanto ó campo militar como ó da estructuración e administración dos novos territorios
ocupados.
Os romanos utilizarán as formas organizativas
existentes nestes pobos, pero adaptándoas e interpretándoas segundo as necesidades
prácticas do Imperio. A estructuración destas sociedades en pequenas agrupacións non
era axeitada á nova administración, polo que foi preciso definir unhas entidades
territoriais maiores, que serán os populi ou as civitates (como
comunidade ou conxunto de persoas, non como "cidades" propiamente ditas).
É posible pensar nunha solución de
compromiso romano-indíxena, pola que as comunidades castrexas manterían a súa propia
existencia, pero dentro dun novo marco político-administrativo.
Actualmente, sábese que no ano 1 d.C. xa se
tiñan constituído os Conventos Xurídicos, demarcación territorial de carácter
administrativo, xurídico, relixioso e ata militar. Os conventus que se crean,
coas capitais en Lucus Augusti, Bracara Augusta e Asturica Augusta,
son rexións cunha entidade histórica clara, semellantes entre elas pero tamén con
matices propios en cada caso. Ó estableceren estes conventus, os romanos
convertiron rexións con determinada identidade cultural en verdadeiras comunidades
históricas.
As transformacións do castrexo baixo a dominación romana
Xa despois da conquista, Gallaecia
aparece como unha realidade administrativa nova creada polos romanos, ó lado da
existencia doutras connotacións (por ex. militares). Non inventaron unha nova rexión,
senón que lle deron forma político-administrativa, cunha entidade moi ben definida
culturalmente, e que perdurará ó longo do tempo como comunidade histórica.
Os castella, como figura de
demarcación social e territorial (pero non tanto como lugar de asentamento habitacional),
desaparecen a fins do s.I d.C.; esto tradúcese nun cambio na mención da origo:
hai agora un novo tipo de comunidades que abonda de seu á hora de cita-la procedencia ou
orixe dunha persoa; dase paso así ás res publicae romanas, o que proporciona
integridade e coherencia ás comunidades maiores, procurando elimina-los subgrupos ou
subcomunidades. Deste xeito, ó menciona-la origo faise innecesaria a referencia
ó propio castellum, pero aparece a fórmula de menciona-lo adxectivo do nome dos
castella (Talabrigensis, Eleanobrigensis...), ou ben só a
referencia ó populus ou á civitas (Seurri, Limicorum...).
Tamén haberá cambios na relixión, pois
desde mediados do s.I.d.C. ten lugar a adopción, por parte dos indíxenas, das prácticas
e crenzas funerarias e relixiosas romanas. Nas tumbas de incineración e, máis tarde, de
inhumación, comeza a constatarse o uso de inscricións segundo modelos latinos, anque con
peculiaridades propias do N.O. Outro exemplo significativo son as dedicatorias a Xúpiter
Óptimo Máximo (como representante do poder romano en tódolos sentidos), ou a
asimilación de divindades indíxenas a deidades coma os Lares Viales ou Marte.
Con todo, perviven, como mostra dun sincretismo case perfecto, deuses prerromanos como Coso,
Bandua, Verore, Navia, etc., moitos eles de funcións aínda
discutidas.
Os tratados ou pactos de hospitalidade, feitos
en placas de bronce coma os xa ditos do Courel ou do Castromao, realizados entre algunhas
comunidades indíxenas ou entre estas e as autoridades romanas, cumprían a función de
obrigar ós hispánicos a convivir en "harmonía", para poder crea-las novas
comunidades e que estas funcionasen como tales dentro do Imperio.
Como xa se dixo antes, a Cultura dos Castros
non foi algo estanco nin uniforme ó longo do tempo que durou, nin na súa evolución
despois da conquista romana. Hoxendía, á luz das investigacións máis recentes, non é
descamiñado pensar que moitos dos rasgos que ilustran e tipifican na bibliografía máis
coñecida á Cultura Castrexa, desenvólvense precisamente despois da conquista de
Augusto. De aí que moitos consideren unha ou unhas fases máis do Castrexo, o período
que abarca desde a organización de Augusto ata a de Vespasiano (os dous primeiros tercios
do s.I.d.C.), e incluso desde este ata o fin do Imperio no s.V d.C.
Os cambios na época Flavia (último tercio do
s.I.d.C.)
É moi probable que os cambios deste momento
fosen debidos, en todo ou en parte, á concesión (ó redor do ano 73-74) polo emperador
Vespasiano do chamado Ius Latii a toda Hispania. Este dereito de cidadanía
latina supoñía a organización ó estilo romano para tódalas comunidades que se
acollían a el. As que xa acadaran un alto grao de transformacións, o que as posibilitaba
para vivir ó modo de vida romano ou "romanizadas", eran impulsadas a
acollérense a este dereito, pois era beneficioso para o Imperio e para preserva-la paz e
a orde que facilitarían a subseguinte explotación económica.
Paralelamente, produciuse unha maior
diversificación da poboación fronte ó poboamento antes tamén disperso, pero que estaba
concentrado só nos núcleos determinados e ben defendidos que eran os castros. Agora,
aparecen (logo dos campamentos militares), as cidades, os vici ou pequenos
poboados mal coñecidos, as mansións viarias, as villae (sobre todo en época
tardía), casais e outros núcleos, todo ó redor dun novo e importante entramado viario.
Asimesmo, aprécianse cambios na arquitectura
das construccións: os muros, xa sempre de pedra, son rectos, forman esquinais perfectos e
cúbrense con tellas de barro, pero conviven, sobre todo nos castros, coas plantas
circulares e ovais cubertas de palla, conformando neles unha organización case
"urbanística" ou "protourbanística" (que non urbana, reservada ás
cidades), pero sempre adaptada ó terreo e ás necesidades peculiares de cada caso.
O desenvolvemento das explotacións mineiras
auríferas a gran escala, sobre xacementos primarios (en rocha) ou secundarios (en
aluvión), supuxo un factor importante e fundamental na actividade económica e mesmo na
organización do territorio, como sucedeu co desenvolvemento do comercio marítimo e
terrestre. A agricultura e a ganadería fanse, ó tempo, máis intensivas e extensivas
(introducíndose ademais novos productos coma o trigo, o aceite, o viño ou o salgado), o
que igualmente se deixa ver na ocupación do espacio, tanto de habitación coma de
explotación.
No entramado destas actividades económicas
poden rastrexarse tamén novos grupos sociais que agora farán fortuna: maxistrados e
altos cargos romanos, funcionarios militares e administrativos para o control das minas,
comerciantes e artesáns profesionais, etc., ó tempo que aparecen novos grupos como
escravos ou libertos (estes moitas veces ligados á administración imperial),
inmigrantes, etc., ó lado dunha "aristocracia indíxena" e colaboracionista
pero de posibles resabios "bélicos", tal como amosarían as estatuas dos
guerreiros galaico-lusitanos. Dentro dunha sociedade compartimentada como a romana, os
mecanismos de ascenso social, e económico, deberon funcionar relativamente ben na Gallaecia.
CONCLUSIÓN
A Cultura Castrexa na época Galaico-romana
A paisaxe histórica de Galicia formouse,
pois, en gran medida, na época galaico-romana, precisamente pola conxunción do mundo
castrexo prerromano cos aportes foráneos, fundamentalmente vidos doutras provincias
romanas. Un exemplo estaría na convivencia de castros (coma o de Viladonga), co novo tipo
de asentamentos tipo villa (como a cercana de Doncide), xa en plena época
baixoimperial tardía.
O cambio histórico é fundamental e dará
lugar a unha configuración cultural nova, marcada pola ocupación do territorio, pola
forma do hábitat, polo tipo e estructura de propiedade da terra e os seus sistemas de
explotación e distribución.
O substrato poboacional sería
maioritariamente indíxena, pero o grupo social de maior dominio e poder ten moitos
elementos foráneos (sobre todo ó comezo desta etapa galaicorromana), procedentes doutros
lugares de Hispania, doutras provincias xa romanizadas ou, incluso, de zonas do
Mediterráneo oriental, amais dos indíxenas "con fortuna".
A Romanización, pois, así determinada,
consistiría na asimilación por parte da Cultura Castrexa, duns cambios e unhas
transformacións materiais e ideolóxicas que, por un lado, a impulsan e a desenvolven, e
por outro, inclúena nun contexto, o do Imperio romano, común a outras áreas, pero
mantendo unhas características singulares e ben diferenciadas.
APLICACIÓN ÁS POSIBLES ACTIVIDADES
A documentación arqueolóxica da Cultura Castrexa e
Galaico-romana
No Museo do Castro de Viladonga pódense
atopar toda unha serie de datos e informacións de tipo material e ergolóxico que son
susceptibles de utilizar como fonte de coñecemento para esta etapa histórica (ó lado
doutras fontes como as textuais, antigas e modernas), tanto por parte de investigadores e
eruditos como, e isto é o que importa, polos ensinantes e alumnos dos distintos niveis
educativos. Unha selección daqueles datos e informacións son os que se pretende resumir
nas 26 Fichas de traballo que se ofrecen xunto con esta Unidade Informativa, e que cada
Profesor haberá de escoller á hora de utilizalas cos seus alumnos segundo o nivel, a
capacidade e mesmo a actitude destes.
De xeito orientativo e esquemático, aquela
cultura material castrexa e galaico-romana pode resumirse nos seguintes bloques:
A.- Materiais pétreos:
- Muíños planos (barquiformes ou naviformes), relacionados sobre todo
coa recolección de productos naturais
- Muíños circulares ou xiratorios, relacionados, ademais do anterior, coa iniciación da
prácticas agrícolas estables
- Quicieiras e gonzos (pezas sobre as que se montan e xiran as portas das construccións)
- Pesas de pedra de pizarra, para fixa-las cubertas de palla ou colmo das construccións
- Pesas de tear, fusaiolas e outras pezas relacionadas co tecido
- Ferramentas e armas: afiadeiras, alisadeiras, mazas, percutores, aixadas, machados...
- Xogos e xoguetes, amuletos, colgantes de uso diverso
B.- Materiais metálicos:
- Elementos de adorno e vestiario (de ouro, prata, ferro e bronce):
torques e colares, arracadas e pendentes, aneis, brazaletes e braceiras, broches, fíbulas
e febillas, botóns e apliques diversos, "atalaxes" e apliques para
cabalerías...
- Pezas variadas de uso doméstico: caldeiros, cazos, coadores, agullas, etc.
- Ferramentas: balanzas, compases, pinzas, tesouras, fouces e podóns, e útiles para
diversos oficios (canteiros, mineiros, ourives, carpinteiros...), como picos, ciceis,
goibas, trenchas, martelos, argolas, punzóns, cravos, un bastrén ou coitela, etc.
- Pezas monetarias (moedas de ouro, de prata e, sobre todo, de bronce)
- Armas de caza e "de guerra": coitelos, puñais e espadas curtas, lanzas e
dardos...
- Outros trebellos e obxectos para usos diversos: pezas de carro, chaves, bisagras,
grapas, un ripo para o liño e a lá, un cencerro, etc.
C.- Cerámica:
- De tradición castrexa (varios tipos)
- Común romana (varios tipos, de cociña e de mesa)
- "Terra sigillata" (fina de mesa, importada: sudgálica, hispánica, tardía, e
tamén imitacións...)
- Outros obxectos de barro (fusaiolas, fichas, colgantes, etc.)
D.- Outros materiais:
- Acibeche (aneis, adornos)
- Vidro (vasos, copas, xerras e outros recipientes, contas de colar e adornos)
Esta estructuración ou división en bloques
non quere dicir que cada alumno ou grupo de alumnos teña que traballar nun só lugar do
Museo recollendo datos sobre unha cuestión determinada, senón que en cada unha das súas
salas, en paneis, en vitrinas e en maquetas, van achar informacións sobre aquelo que lles
interese para o seu traballo; este é un aspecto, o da globalidade da información, que o
profesor debe facer ver e entender antes da visita.
OS POSIBLES TEMAS A ESTUDIAR E DESENVOLVER
Todos aqueles materiais, presentes entre os
achados producidos no Castro de Viladonga, e o propio xacemento no seu conxunto,
permitirán estructurar os coñecementos relativos ós diferentes aspectos deste sitio
pero tamén, con carácter xeral e conxugándoos con outras fontes de coñecemento como as
textuais, os referentes á Cultura Castrexa e Galaico-romana. Aqueles coñecementos
poderían esquematizarse así:
1.- Situación, contextualización e organización
espacial do Castro:
- xeográfica e topográfica
- histórica e cultural
- distribución e ocupación do espacio dentro do Castro
- tipos e formas das construccións
2.- Aspectos defensivos do home e do territorio:
- tipos de defensas no Castro (murallas, foxos, naturais...)
- armas (tipos, materiais...)
3.- Aspectos e actividades económicas:
- minería e ourivería
- actividades agrícolas e gandeiras ou pastorís
- recolección, caza e pesca
- oficios artesanais e domésticos
- intercambios (troco, comercio...)
4.- Costumes sociais e aspectos domésticos:
- a vida cotiá no Castro
- o papel da muller e do home, dos vellos e dos nenos...
- actividades e elementos domésticos (o interior da casa, o vestiario, o ornato...)
5.- Aspectos ideolóxicos e lúdicos:
- crenzas, cultos e posibles ritos (amuletos, obxectos votivos...)
- xogos e uso do lecer
Todos estes aspectos e as informacións a eles
referidas, son os que se queren reflectir nas Fichas de traballo que se aportan como
suxerencia de actividade, e para o seu cumprimento atoparanse os datos nas propias salas
do Museo e no mesmo Castro, ademais de seren complementadas por medio de guías, folletos
e, loxicamente, polas ensinanzas do profesorado.
BIBLIOGRAFÍA DE CONSULTA
* F.ARIAS VILAS: A Romanización de Galicia, (Ed.A Nosa
Terra), Vigo 1992.
* F.CALO LOURIDO: A Cultura Castrexa, (Ed.A Nosa Terra), Vigo
1993.
* A.ROMERO MASIÁ-X.M.POSE MESURA: Galicia nos textos clásicos,
(Monografías Museo S.Antón, 3), A Coruña 1987.
* A.TRANOY: La Galice Romaine, (Ed.De Boccard), París 1981.
* VV.AA.: La Romanización de Galicia, (Cuadernos de
Sargadelos 16), A Coruña 1993 (2ª ed.).
* VV.AA.: Cántabros, Astures y Galaicos, (Exposición
Ministerio de Cultura), Madrid 1982.
* VV.AA.: Estudos de Cultura Castrexa e Historia Antiga de Galicia,
(Univ. de Santiago- Inst.P.Sarmiento), Santiago de Compostela 1983.
Tamén poden consultarse obras de referencia ou Historias xerais como:
* X.AGRAFOXO: Didáctica da Prehistoria de Galicia, Noia 1992
(Ed.propia)
* X.AGRAFOXO: Didáctica da Historia Antiga e Medieval de Galicia,
Muros-Noia 1993 (Ed.Toxosoutos)
* Gran Enciclopedia Gallega, s.v. "Castros",
"Celtas", "Cultura Castrexa", "Escultura",
"Romanización", e outras.
* VV.AA.: Historia de Galicia, I, (Ed. Planeta), Barcelona
1980.
* VV.AA.: Galicia. Historia, I, (Ed. Hércules), A Coruña
1993, e
VV.AA.: Galicia. Arte, I, (Ed. Hércules), A Coruña 1994.
* VV.AA.: Historia xeral de Galicia, (Ed. A Nosa Terra), Vigo
1997.
Para os Aspectos particulares deste xacemento, véxase a Bibliografía
sobre o Castro de Viladonga na Introducción deste Programa de Acción Didáctica.
Solución á Ficha nº 26
1-BRONCE
2-FÍBULA
3-CROA
4-FUSAIOLA
5-MURALLA
6-EXCAVACIÓN
7-FOXO
8-TORQUES
9-ARQUEOLOXÍA
10-SIGILLATA |