 |
O MUSEO DO CASTRO DE VILADONGA
ten entre os seus fins e obxectivos o de divulgar e difundir todo tipo de actividades e
traballos relacionados coa investigación arqueolóxica, e un deles é o que se refire ás
prospeccións de recoñecemento e identificación de xacementos. Dentro deste apartado, un
dos aspectos máis utilizados é o da fotografía aérea, como complemento doutros
estudios e investigacións tanto de campo como de gabinete. Pero, ademais, a visión desde
o aire dos diferentes tipos de sitios arqueolóxicos resulta particularmente interesante,
vistosa e mesmo espectacular. Por esta razón, entendeuse que era de gran interese ofrecer
a todo tipo de público unha Exposición selectiva de diversos xacementos arqueolóxicos
da provincia de Lugo vistos desde o aire.
Loxicamente, non todos os xacementos se ven igual desde a altura
dun avión ou dun helicóptero, e na propia Exposición se explican as distintas
características de cada sitio ou de cada bloque (cronolóxico-cultural) de sitios.
Cómpre destacar, como exemplos ben demostrativos que abundan nesta escolma, a presencia
tantas veces monumental da maioría dos castros ou ben das minas de época romana, mentres
que outras veces, a visión desde o alto a penas permite localizar algunhas formas na
paisaxe que se deben a accións do home sobre o medio xeográfico e natural ó longo dos
séculos, deixando neste unhas pegadas que xa son, en moitas ocasións, verdadeiros restos
arqueolóxicos.
|
Moitas das fotografías que se recollen
nesta mostra pertencen ó arquivo gráfico do Museo do Castro de Viladonga, e todas as
expostas débense e agradécense a diversas persoas e/ou entidades: ó voo
"americano" de 1956-1957, a Juan Carballal, a José Latova (Ministerio de
Cultura), a Luciano G.Alén e Xosé M.G.Vilasó, a José R.Pro, a Jesús Caínzos (SAGA)
e, sobre todo, a membros da Sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudios Galegos así
como a Gerardo Gil (ICONO).
Polo seu propio tamaño, a súa estructura exterior e a disposición no
terreo, as MÁMOAS ou MEDORRAS (túmulos megalíticos
galegos) non adoitan destacar nunha fotografía aérea, xa que a súa visión máis doada
é a que se produce precisamente a rentes do chan sobre o que se ubican, xeralmente
penichairo ou de pendente suave.
Aínda así, é factible ás veces recoñecer certas marcas ou
puntos no terreo, como sucede coas medorras de Rozas no voo de 1956-1957, comunmente
agrupados en conxuntos que son característicos deste tipo de cemeterios de hai máis de
3.500 anos. Neste sentido, as modernas técnicas de prospección mediante fotografìa
aérea (sexa convencional, infravermella ou doutro tipo), teñen avanzado moito para
localizar necrópoles megalíticas. Noutras ocasións, o xacemento é perfectamente
visible ó estar ó descuberto o dolmen ou cámara funeraria pétrea, como ocorre co
situado no monte de Adai. |


|
OS CASTROS
Os castros son os xacementos
arqueolóxicos máis visibles e notorios na paisaxe galega, ata o punto que a identifican
perfectamente ó tempo que son unha referencia histórica e patrimonial de enorme
importancia en Galicia. Se ben moitos asentamentos castrexos son tamén claramente
perceptibles a nivel de superficie, a fotografía aérea ten servido arreo para
identificar e localizar un bo número deles, como parecen querer demostrar os estudios de
A.Bouhier. Ademais, algúns castros recollidos nesta Exposición ofrecen unha
monumentalidade que os converte en mostras senlleiras do noso Patrimonio Cultural.
Por outra banda, así como a Cultura Castrexa coñece, dentro da
sùa homoxeneidade diferencial, diversas fases evolutivas e distintas variantes rexionais
dentro do Noroeste, tamén os xacementos castrexos mostran unha gran variedade tipolóxica
que queda reflectida na fotografìa aérea. Aínda que non é posible dispoñer de
exemplos de castros costeiros, si abundan os asentamentos sobre grandes ou pequenos
outeiros, ou ben en ladeira (xeralmente de tipo mineiro e galaico-romanos), ou de chaira
("agrícolas" para moitos autores), etc.
|
Sen embargo, son poucos os castros
escavados total ou parcialmente na provincia de Lugo: Penarrubia, Fazouro, Barán, Torre
de Sobredo, Vilar e sobre todo Viladonga (que merece consideración á parte), poden ser
exemplos a citar aínda que cun grao de investigación e de conservación moi distinto en
cada caso e por circunstancias tamén moi diversas.
En case todos os casos coñecidos, son de salientar os sistemas
defensivos baseados en murallas e foxos, ás veces combinados con antecastros ou
sucastros, e complementados por parapeitos de moi complexa disposición, pero que a
fotografía aérea permite comprender máis doadamente. |

|
O MUNDO GALAICO-ROMANO
Despois da conquista romana
do Noroeste, producíronse uns cambios fundamentais no poboamento, na economía, na
sociedade e mesmo na ideoloxía dos pobos castrexos, pero estes, aínda mudando e
evolucionando notablemente, non desapareceron. A arqueoloxía comproba a miúdo a
pervivencia de moitos castros como lugares de habitación, se ben agora só como un dos
tipos de hábitat rural, mentres outra parte da poboación (presuntamente a máis
"romanizada") vivía en cidades e pequenas vilas, ou cerca dos campamentos
militares, ou nas villae ou grandes mansións rurais ou costeiras, xeralmente
tardías.
|
Polo tanto, a arqueoloxía desde o aire
seguirá mostrando castros, con certas particularidades a destacar: persistencia de
sistemas defensivos pero xa con máis valor simbólico e de prestixio que como previsión
de accións bélicas, aparición dun proto-urbanismo, ocupación de sitios antes non
usados (coma o caso dos numerosos castros que acompañan ás monumentais minas de ouro
romanas), relación coas novas e mellores vías de comunicación, etc.
Todo esto tamén está presente en fotografías aéreas
realizadas desde 1956 ata agora: castros romanizados e tardíos como Viladonga, de zona
mineira coma os do Caurel, as pontes e calzadas viarias, as propias explotacións
auríferas primarias (de montaña) e secundarias (de aluvións fluviais), etc., son
exemplos todos eles que se ofrecen neste apartado, aínda que outro tipo de xacementos son
moito menos visibles e identificables desde o aire, como sucede coas villae (como
Castillós), mansións ou casais rurais a penas entrevistos a non ser que estean
escavados, o que non é o caso lucense. |
A ÉPOCA MEDIEVAL
E MODERNA
A arqueoloxía non é unha
disciplina científica (ou, para outros, unha técnica ou un método) que sexa de
utilización exclusiva para as etapas máis antigas da Humanidade. Hoxe está a
potenciarse o seu uso para épocas posteriores, desde o mundo medieval ó moderno, e ten
asimesmo un gran auxe a chamada arqueoloxía industrial, da que a provincia lucense ten
abundantes mostras aínda que non poidan estar aquí representadas.
Desde o aire, hai unha serie de xacementos medievais, modernos ou
de época indeterminada que se deixan ver con claridade. É, sobre todo, o caso dos
castelos, torres ou fortalezas, máis ou menos enteiras ou arruinadas e, xeralmente,
reutilizando vellos enclaves castrexos, coma os exemplos senlleiros de Carbedo ou
Caldaloba, pero tamén se poden descubrir desde o aire outros tipos de xacementos
medievais.
Noutras ocasións é factible advertir diversas marcas ou sinais
no terreo, de tipo e extensión moi variable, que comproban as accións do home sobre o
territorio, se ben o coñecemento ten sempre que completarse con traballos de campo
(prospeccións e/ou escavacións) e con outra documentación (escrita, de tradición oral,
etc.). |

|
O CASTRO DE VILADONGA
Un apartado especial desta
Exposición dedícase, loxicamente, a mostrar as características e a evolución do Castro
de Viladonga ó longo do tempo. Ofrécense fotografías antigas que mostran a súa
relación con xacementos do seu contorno, outras que permiten ver o desenvolvemento dos
traballos arqueolóxicos que, desde 1971 e ata o presente, se veñen realizando neste
sitio e, en fin, algunhas que evidencian a relación e a interacción obrigada entre este
importante xacemento castrexo e galaico-romano e o seu Museo monográfico. |
A exposición pódese visitar dende o 18 de maio ata o
18 de xuño na Sala de Exposicións do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, rúa Cambria
s/n.
Horario: de 9 a 21 h. de luns a vernes.
COLABORA:

Asociación de Amigos
do
Museo do Castro de Viladonga
|
 |