A CULTURA GALAICO-ROMANA
Felipe Arias Vilas - MĒ Consuelo Durán Fuentes
También en español - Also in English

Como é ben sabido, Roma acometeu a conquista da Península Ibérica en diversas fases sucesivas. No ano 133 a.C. quedaba toda ela sometida a excepción do territorio do Norte e o Noroeste ocupado por galaicos, ástures e cántabros, polo que César Augusto tivo que plantexarse decididamente a súa conquista e ocupación.

As causas desta decisión deben verse, (ademais de razóns de prestixio persoal do primeiro emperador de Roma), por un lado, na súa propia política de leva-los límites do Imperio ata o fisterre; por outro, no interese por protexer outras zonas xa conquistadas (como a Celtiberia da Meseta Norte) dos ataques dos pobos veciños, pero sobre todo, na intención claramente práctica de explota-la riqueza mineira do país (especialmente o ouro do Noroeste) de vella sona na Antigüidade.

Así, "oficialmente" no ano 19 a.C., o que hoxe é Galicia pasou a formar parte do Imperio Romano, primeiro dentro da Lusitania pero moi logo englobada na Hispania Tarraconense, sen que aquela data signifique nin moito menos o cese total das hostilidades nin o final dos problemas derivados da conquista militar.

A peculiar Romanización do Noroeste non supuxo a ruptura total co mundo prerromano. Os indíxenas castrexos conservaron durante bastante tempo moitas das súas tradicións culturais, aínda que logo si foran sufrindo unha alteración gradual e decisiva das mesmas.

En efecto, a imposición romana acabaría provocando varios cambios e transformacións nos pobos do Noroeste, por exemplo na súa estructura social. Nos principais núcleos de poboación, como as cidades de novo cuño, atopamos unha organización e uns grupos sociais de marcada influencia romana; en cambio, nos medios rurais do mundo castrexo, esa transformación existe pero é menor e probablemente máis lenta: non só pervive a estructura social (polo menos ata o s.II d.C.), senón tamén a súa forma de asentamento en castros (aínda que outros efectivamente se abandonen), a súa cultura material e as súas crenzas, se ben todo isto irá recibindo novas aportacións e influencias traídas polo mundo romano.

Os destacamentos militares e os representantes da Administración romana difundirían, directa ou indirectamente, a nova cultura e a nova orde social, e mesmo os indíxenas castrexos reclutados naquel exército pasaban a ser verdadeiros "axentes da Romanización".

A actividade económica viuse tamén decisivamente transformada baixo a Administración romana, moi preocupada polo control político e económico das terras conquistadas, promovendo un cambio (e unha diversificación) nos asentamentos e nas formas de propiedade e explotación da terra.

A minería do ouro sufriu asimesmo grandes cambios: ó sistema artesanal (coma o das "aureanas" dos praceres fluviais) van suceder unhas técnicas de explotación do mineral a gran escala, utilizando man de obra indíxena ou foránea baixo control e dirección romana.

Pero boa parte dos asentamentos mineiros seguiron sendo castrexos e con isto perviven formas de vida da sociedade prerromana, moitas veces con escasa integración dos seus individuos no mundo romano, coas excepcións que a arqueoloxía e a epigrafía nos documentan.

As técnicas de extracción mineira que serviron para producirla rica ourivería castrexa foron, pois, aproveitadas pero sobre todo perfeccionadas e ampliadas por Roma, que utilizou uns sistemas de explotación de xacementos primarios (sobre rochas) e secundarios (sobre sedimentos e aluvións), documentados en diversos lugares de Galicia (especialmente na súa parte oriental, enlazando coa área astur-leonesa, por exemplo coa zona de Allande ou con Las Médulas), e dando lugar a grandes centros mineíros como a Mina da Toca (no Courel), as Covas de Castañedo (na Fonsagrada), Montefurado e outras explotacións no val do Sil, ou As Médulas de Caldesiños en Viana do Bolo (Ourense).

Así pois, a Romanización da Gallaecia tivo un carácter eminentemente práctico e pragmático. Por iso están ben representadas as obras públicas como a infraestrutura viaria (calzadas, pontes como as de Lugo, Ourense ou a do Bibei), e todo aquelo que teña unha relación directa ou indirecta coa explotación económica do territorio (por exemplo, coa minería e co comercio). Existen, ademais da rede viaria, murallas ou redes de canalizacións e cloacas en cidades como Lucus e noutros núcleos importantes, faros (como a Torre de Hércules) e portos (coma o de Bares), así como campamentos militares (coma os de Cidadela e o de Baños de Bande, tamén mansión viaria), e outras instalacións e obras que favorecían aquela explotación económica, o seu control e o do territorio por parte de Roma.

Pesia ó que din os textos literarios da Antigüidade, coma os de Estrabón, Plinio "o Vello", Ptolomeo, Dión Casio, Hidacio, Paulo Orosio e tantos outros autores que están mediatizados pola súa orixe (grega ou latina) e polo destino dos seus escritos (Roma), a realidade da conquista e romanización do Noroeste debeu ser un pouco distinta a como eles a contan.

Pola arqueoloxía sabemos hoxe que houbo diferentes respostas á conquista romana da Galicia castrexa, e non unicamente as que refiren e magnifican aquelas fontes textuais. Ademais da existencia dunha resposta violenta nalgúns casos, que significou a guerra e o reclutamento de escravos para as minas e de soldados para o exército romano, houbo outras solucións pacíficas, (ben tácitas ben expresas por medio de pactos), como a baixada desde os castros ós vales e ás zonas baixas e abertas, e tamén a ocupación das ladeiras daqueles e incluso a pervivencia en moitos dos propios asentamentos castrexos. Así pois, a conquista non produciu o abandono inmediato de todo o hábitat prerromano, anque si a súa evolución e paulatina modificación.

Unha das fontes de información máis importante da época galaico-romana é a Epigrafía, é dicir, as inscricións gravadas ou impresas sobre materiais duros: pedra, bronce e, ás veces, tamén cerámica ou outro tipo de soporte.

0 número de inscricións romanas conocidas en Galicia é relativamente abundante: miliarios ou marcos viarios, aras votivas (como as dedicadas a Xúpiter ou ós Lares, estelas (como as de Vigo e outras zonas) e epitafios funerarios (coma os numerosos de Lugo, entre eles o do liberto imperial Saturnino), conmemoracións honoríficas (como a do Legado Paulo Fabio Máximo tamén en Lugo), pactos de hospitalidade (coma o dos Lougei do castellum Toletensís, do Courel), marcas e selos de oleiro, etc.

Todas elas infórmannos sobre aspectos diversos da Cultura Galaico-romana (e ás veces, tamén dalgúns do período prerromano): actividades económicas, organización política e administrativa, estructura e grupos sociais, oficios e profesións, nomes de persoas, de lugares e de divindades, cultos e crenzas, gustos artísticos, etc.

Aínda que, como xa se indicaba antes, a conquista romana non supuxo o abandono inmediato e total do hábitat prerromano, sen embargo, a finais do s. I d. C. empezaron a deixarse baleiros moitos recintos castrexos e boa parte da poboación instalase nas terras baixas e nos vales. Ademais, pasaron a habitar en cidades ou núcleos de nova creación como Lucus Augusti (Lugo) onde a arqueoloxía documenta, a maiores da monumental muralla tardorromana, achados de estructuras urbanas e viarias moi diversas, necrápoles de incineración e de inhumación, inscripcións, moedas e moitos outros elementos que se distribúen en case toda a extensión do miolo urbano lucense como queda plasmado no plano de ubicación daqueles achados.

Con todo, xa quedou dito que aquel abandono dos castros non foi nin moito menos total nin, ás veces, definitivo pois se comproba a reocupación dalgúns recintos castrexos en plena época tardorromana (do s. III ó V d. C.) como amosa o mesmo Viladonga.

A Romanización leva aparellada unha estabilización das prácticas agrícolas e gandeiras, creando un hábitat rural novo e reestructurando a posesión da terra, con intensificación da explotación agraria e coa introducción de novos productos coma o trigo, o aceite e o viño.

Este conxunto de transformacións está presente e ata implícito nas víllae (ou "vilas" pero sen o sentido actual de cidade), que son mansións ligadas ás explotacións sobre todo agrarias pero tamén marítimo-pesqueiras en varios casos. Espállanse notablemente en época tardorromana como mostran os exemplos de Porta de Arcos e Toralla (Pontevedra), Nobille e Cirro (A Coruña), A Cigarrosa e Santomé (Ourense), ou Doncide (Poi) e Castillós (Pantón) en Lugo.

Existe outro tipo de asentamentos galaico-romanos non tan ben definidos como as cídades, os castros ou as vilas: son os vici ou pequenas aldeas abertas, ou os castella ou turres (pequenos castros tardíos), moitas veces ligados ás explotacións mineiras e nos que a investigación arqueolóxico-histórica aínda ten moito que profundizar.


Artigo de

Autor
Felipe Arias Vilas
MĒ Consuelo Durán Fuentes

Publicación orixinal
Museo do Castro de Viladonga, 1996, pp. 37-45

Versión electrónica
Enrique Jorge Montenegro Rúa
http://www.aaviladonga.es/e-castrexo/ga/mgvds037.htm